Os arquivos, as bibliotecas e os museos son centros que custodian a nosa memoria e, como entidades públicas ao servizo da nosa sociedade, reflicten os intereses das institucións que as crean. A pesar de termos arquivos, bibliotecas e museos en lugares pequenos, que padecen dispersión, despoboamento ou avellentamento, moitas veces estas entidades só reproducen a vida das propias institucións ou son alleas á realidade do seu territorio.
Con estas xornadas procuramos crear un foro de reflexión e de coñecemento da memoria rural entendida como memoria individual, colectiva, social, histórica, cultural e compartida das persoas, do territorio, das perdas, dos achados, dos conflitos, dos encontros, das que marcharon e das que viñeron, que nace do pasado, que amarra o presente e que mira cara ao futuro. Unha memoria onde os arquivos, as bibliotecas e os museos actúen como axentes que participen da comunidade para consolidar a memoria labrega que recupere vínculos e que restaure, cree e reimaxine proxectos que resignifiquen o rural.
Desta maneira será obxecto destas xornadas visibilizar as realidades diversas de aqueles territorios que non gozan do privilexio de estar no foco dos medios de comunicación nin das políticas públicas, e que se manteñen grazas ao esforzo constante de persoas que apostan por poñer en valor a súa riqueza patrimonial e social. No fondo procuran preservar e divulgar a realidade humana en territorios menos favorecidos, aproveitar a diversidade que eses lugares ofrecen para contribuír a poñer no mapa as súas problemáticas, pero tamén construír ferramentas de dinamización que loiten contra a problemática do abandono, a dispersión, a soidade, o avellentamento e o despoboamento.
Para iso será necesario pensar en como adaptar as técnicas propias e incorporar estes enfoques nas estruturas e nos procesos de traballo de arquivos, bibliotecas e museos; como colaborar coas iniciativas que xorden da comunidade para conservar esa memoria non vinculada ao poder, á propiedade ou a xerarquía. Como dar resposta ás necesidades de novas perspectivas de investigación e a novas demandas de información. En definitiva, como podemos construír un novo marco que encadre os centros da memoria como institucións que conserven unha representación da sociedade máis xusta e equitativa. Para acadar isto o traballo realizado polas institucións da memoria debe ser fundamental.
A propia estrutura das xornadas, cos seus tres centros de interese, pon o foco nas distintas formas que encontramos de afrontar esta realidade: Outras Memorias, con respostas realizadas desde a sociedade civil con maior ou menor apoio institucional; Institucións da Memoria, co papel das entidades públicas; e Investigación e Participación, con proxectos desenvoltos desde a academia, as institucións públicas e outras entidades da sociedade civil.
Diferentes aspectos do traballo realizado desde as institucións da memoria para loitar contra o abandono do rural.
Inicio | 29-11-2024 |
Clausura | 30-11-2024 |
Página web del Congreso | https://www.memoriadocumental.gal/galicia/en-que-estamos/xornadas-a-procura-do-pasado-para-armar-o-futuro-o-rural-e-as-institucions-da-memoria/presentacion-das-xornadas/ |
Lugar | Centro Sociocultural O Vello Cárcere |